Ce n’est pas un jeu (Caderno de viaxe, 28/04/2002)

Francia acolle os viaxeiros cunha posta en escena —teatral— do estupor. A república dos burgueses igualitarios pregúntase “Qui a voté Le Pen?” e non quere recoñecer que ao facho que preside a Fronte Nacional votárono moitos, burgueses e obreiros.

París explica ese voto agachado, incorrecto. A Cidade Luz escurécese, africanizada. A faciana de París é moura, coma a pedra de Nôtre Dame, que agora andan a limpar e van deixando branca como fora.

Se cadra, Jean Marie, o paracaidista, quérelle facer ao seu país unha limpeza de cute coma a da catedral turística, e hai moitos que o apoian; que, alomenos, queren un debate sobre a africanización e a islamización de la France.

Pero nun movemento teatreiro, intereseiro, a burguesía reacciona. No barrio latino uns estudiantes pintarraxan “Pour sauver la démocratie, votez Chirac”. Lonxe, en Nantes, unha manifestación da Liga Comunista Revolucionaria detén o tránsito fronte ao centro de moda de Zara.

En ambos casos a policía deixa facer. En Nantes os manifestantes comunistas (unhas ducias deles) berran “A bas Le Pen!” e vanlle facendo o xogo ao Chirac…

Santa Ana, padroeira de mariños e buques bretóns, olla o Loira desde un outeiro a pé da casa-museo de Jules Verne, aquel famoso viaxeiro de biblioteca, xeógrafo de oídas, visionario fabulador.

A santa é branca, coma a pel dos negreiros de Nantes; coma a dos soldados que colonizaron África brutalmente. Francia fixo imperio e ten mala consciencia. Por iso non se atreve a berrar ás claras o que sente: que non pode asimilar tanto africano.

Desde as alturas da estatua alba de Santa Ana, ollando o río acastañado, cabe preguntarse que pensaría o autor de A volta ao mundo en oitenta días logo do “sismo político” que sufriu a súa patria colonialista e neocolonialista.

Con esta pregunta o visitante baixa ata a ribeira e chega ao centro da cidade, onde se mantén unha “asemblea permanente de cidadáns”.

Alí un cartel avisa de que “Le Front National ce n’est pas un jeu”.

Certamente: nada de brincadeira.

[La Voz de Galicia, 2-04-2002]

Share