Olivenza (Caderno de viaxe, 18/04/2002)

Por clásico, ten vixencia o dito: “Andar caminos y conocer gentes hace a los hombres discretos”. Os clásicos casteláns chamaban discreto ao sabio; e sabio á forza faise quen viaxa. A sabios chegamos todos por vellos xa que a vida é unha constante viaxe, por fóra –nos camiños marcados en mapas— e por dentro –nos interiores da mente…
Cando me chamou o Ernesto Sánchez Pombo para iniciarmos a conversa que conclúe nestas notas, eu estaba en Olivenza, ou Olivença, burgo estremeño que se fixo famoso na Guerra das Laranxas, pola sona infeliz daquel Godoy de grande estómago e da raíña á que Goya fixo xustiza nun retrato.
Pero a Olivenza que hoxe escribe con faltas de ortografía —e de respecto— Pesoa por Pessoa ou Perera por Pereira, que non sabe se imprimir Ajuda ou Ayuda e chama “entrudu” ao entroido, xa fora varias veces portuguesa e castelá, ou española.
Alí nos xuntamos xentes de varios mundos –de Noruega aos Estados Unidos, de España á Costa Rica— para vermos como funciona a telemedicina. Foron xornadas de primavera vizosa en terra de aciñeira, oliveira e palmeira. Sobre o verde xurdía o branco macizo dos edificios históricos, e o alcalde, de apelido tan portugalego coma Rocha, suxeriu que seiscentos anos (de lusitanidade) non son nada en Olivença, “nieta de Portugal, hija de España”, como dictan azulexos barrocos na Casa de la Cultura.
Ernesto recomendoume a música dun grupo oliventino que canta en portugués; e eu puxen oído, para concluír que, entre os que non mandan na vila, a fala é a dos raianos da outra banda, nada propia de estremeños.
Olivenza ten algo de onírico, e fai repasar ideas. Un compañeiro de viaxe, Camilo Veiras, contou como, no Santiago dos seus tempos de estudiante, unha manifestación franquista para reclamar Xibraltar provocara o comentario acedo nun espectador portugués: “Os espanhois também têm a sua Olivença”.
Curiosamente, cando todo é Europa, aínda pairan reivindicacións do pasado para demostraren que hai pobos vivos, diferentes. Con memoria nacional.

[La Voz de Galicia, 21-04-2002]

Share