¡Europa, Europa! (A voo de tecla, 03/11/2013)

Estes días de naufraxios e horror ás portas da Europa fan lembrar o grandioso filme ‘¡América, América!’ de Elia Kazan, por varias razóns.
Primeira, que o impulso de emigrar a un mundo soñado pode ter diversos motivos, mesmo varios ao tempo. Por exemplo, a Arxentina encheuse de galegos que poderían ter boa vida aquí se non fose que o franquismo os castigaba ao desemprego pola súa ideoloxía. Tal é o caso dos evanxélicos fundadores das “iglesias de gallegos’ en Buenos Aires.
Segunda, dentro de ‘¡América, América!’, o porqué do suicidio do rapaz que lle dá o pasaporte ao protagonista. Tiña que pasar polo filtro da illa de Ellis. Alí os inspectores médicos marcaban con xiz os inmigrantes inaceptables por doenzas, e aquel infeliz estaba tísico: ía ser deportado.
Os eurodeputados galegos deberían recordar en Bruxelas o que eran o Campamento de Triscornia na Habana e o refinado Hotel de Inmigrantes de Buenos Aires. Ninguén ingresaba ao país de destino sen un posto de traballo ou sen que alguén o reclamase comprometéndose a mantelo. Iso ocorreu, como en Ellis, ata a fin das ondas migratorias europeas logo da II Guerra Mundial.
¿Debe Europa hoxe admitir un aluvión constante de necesitados africanos? ¿Pode o Continente Colonizador dar mantenza á masa humana que o invade? ¿Cómprelle á UE montar unha grande rede de hoteis de inmigrantes? ¿Ou debe recolonizar –coas armas da educación e a moral– a África invivible? Como for, o escándalo (de ‘¡América, América!’ a ‘¡Europa, Europa!’) debe terminar.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 3/11/2013]

Share