Cataluña desde Bruxelas (A voo de tecla, 28/10/2013)

A “independencia de Cataluña” é tema de opinión cotiá españois. Con frecuencia mencionan “Europa”, en incorrecta referencia á Unión Europea, sen coñecemento do que se move polos ámbitos de Bruxelas. Daquela, fagamos unha inmersión nesa realidade.
Pola mañá, ao pasar, vese o edificio –de seis andares– da representación de Cataluña ante a UE. Noutro edificio de representación española, dúas damas a penas se saúdan, cando antes eran de fácil parola entre elas. Unha é de Barcelona e a outra de Madrid. A catalá non se apea do dereito á soberanía e esgrime o das repúblicas bálticas e balcánicas. Velaí Kosovo: “Francia apoiouno e non vai deixar Cataluña á toa. ¿Quen ve a Francia pondo alfándega en La Jonquera? ¿Que lle importa máis ao eixo París-Berlín, Cataluña ou Eslovaquia?”. A madrileña empéñase en que os de Madrid tamén terían que votar sobre a independencia de Cataluña. Por iso non se falan.
Ao medio día, “dejéuner” nun restaurantiño turco. Un dos comensais, catalán, é funcionario da CE. Seica son uns trescentos cataláns. Mentira que os vaian botar en caso de independencia: tampouco botaron os noruegueses cando Noruega –por referendum– se retractou de entrar na UE. O mozo que serve a mesa é un estudante de Tarragona; e a cousa acaba mal porque se atreve a intervir a dona turca. Di que “os curdos de Turquía son turcos”. Nunca tal dixera…
Pola tarde, nun dos grandes edificios da CE estala a cuestión: nos corredores, fóra dos españois, non se fala de Cataluña, porque cumpre con todo para adherirse á UE, e España terá que lle levantar o veto. “Unha cousa é a lei e outra a xustiza, e iso non o entende o Rajoy”, din. Alén diso, están a EFTA e o euro. Cataluña sempre estaría na UE de facto.
De noite, restaurante italiano. Na mesa, funcionarios de máximo nivel (director xeral e directores). Os españois levan a conversa a Cataluña. Fálase de pasar pola ONU. Un alemán asegura que en Berlín hai interese en deixar “ben colocados” na UE a Cataluña e o País Vasco. “O problema na ONU –advirte– é que no Consello de Seguridade Cataluña pode ter enfronte a Rusia, por Chechenia, e á China, polo Tibet”.
Na sobremesa hai opinión coincidente: Cataluña independente non vai ser un departamento francés, como dicía Cambó, mais un estado filial de París. Margallo sábeo e fala “de boquilla”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/10/2013]

Share