Rosalía, perdón (A voo de tecla, 11/10/2013)

Cara Rosalía: 150 anos despois de saíren á luz os ‘Cantares Gallegos’ estreouse nun teatro de Ferrol unha peza que non daría imaxinado o maior visionario dos teus contemporáneos, Jules Verne: unha narración feita de imaxes animadas, voces, música e documentos que se proxectan nunha pantalla. Títúlase ‘O tren que me leva’ e resume a vida dun mozo que fixo cantar a toda España, e aos españois da diáspora, no idioma galego. Chamábase Andrés do Barro e sufriu dunha negra sombra –a da súa personalidade de artista– que deu cabo del a penas con 43 anos.
O Do Barro conseguiu algo único: ser premiado con catro “discos de ouro” en España sen cantar en castelán. Midas da lírica, todo o que cantaba, brillaba. Pódoche dar fe de que te admirou (e mesmo coido que che gustaría telo por afillado) mais nunca musicou os teus poemas, polo que debemos pedirche perdón os que lle dabamos ideas.
Vicente Araguas, trobador e crítico, di que na obra dobarriana hai unha ducia de belos poemas, que escoitaron e repetiron moitos millóns de persoas. Quen sabe canto se terían oído os teus versos na voz do Andrés polo mundo adiante; pero non foi así, e ti, muller humilde, logo recoñecerías que xamais o teu xenio poderá levar a tanta xente e tan lonxe o celme do Impaís que ambos amastes.
En fin, Rosalía, certos “especialistas” na túa obra non o ven dese xeito; mais “o Andresiño” vive no espírito do pobo, no tren que nos leva a todos –como a ti, poeta popular, te levaría– pola beira do Miño, río da saudade e do retorno.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/10/2013]

Share