Desaparicións forzadas (A voo de tecla, 04/10/2013)

Chamábase Antonio Dopico. Era sarxento de Intendencia do Exército. Cando uns militares revoltosos se levantaron contra o goberno, el negouse a participar no alzamento. Non tomou as armas, mantívose no seu posto; ata que foi avisado do que estaban a facer con outros compañeiros fieis á República: pasealos.
Así comezou a desventura do “tío Antonio”, que ben lembran os sobriños emigrados na Arxentina. Daquela as familias eran grandes e había moitas casas de acollida para un home que só sairía polas noites a respirar. Entre os parentes mantivérono oculto por quendas. Iso durou de 1936 a 1948.
O tío Antonio (do que os nenos non debían falar) enfermou “do peito”, algo frecuente na España famenta da autarquía franquista. Foi mirrando, malia os remedios que lle daban ás agachadas; faleceu e a familia temeu ser descuberta –e castigada– se lle facía enterro.
Houbo xuntanza de ocultadores. Decidiron vestilo coa mellor roupa posible (“bailaba dentro dela, do consumidiño que finou”) e levalo de noite ao cemiterio civil. Nun carreto sacárono do derradeiro agocho familiar e alá o pousaron, sentado contra a porta. Mais nunca se soubo del. Nunca ninguén investigou. Foron emigrando, uns á Arxentina, outros a Inglaterra…
Agora veñen uns señores da ONU e din que na España democrática non se deron resolvido centos de miles de “desaparicións forzadas”. Moi ben. Na Arxentina abriuse causa contra esas desaparicións. Mais logo de tanto tempo, ¿a quen se lle piden contas do que aconteceu co sarxento Dopico?

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 04/10/2013]

Share