Disuadir incendiarios (A voo de tecla, 29/09/2013)

Vexo na miña hemeroteca privada que hai corenta anos xa eu berraba en papel impreso contra os incendiarios. Lembro tamén que nos tempos de González Laxe e Sineiro fixemos un proxecto para a detección de incendios que non se levou adiante porque custaba 6.000 millóns de pesetas e non servía, pois unha cousa é detectar o lume e outra apagalo de inicio.
Velaí décadas perdidas en canto a tecnoloxía seguía avanzando. Porque a chave para que Galicia non arda non é evitar as queimas dando valor ao monte senón disuadindo os incendiarios con medios técnicos. Imaxinemos que do Hórreo saíse unha lei de ordenación do ouro verde, que se acabase co minifundismo, coas tenzas miserables que non pagan a pena da silvicultura; que se concienciase todo o pobo de que o monte é a maior das riquezas nun mundo de “economía verde”… Sempre habería un tolo disposto a prender mecha.
O acerto na loita contra as lapas está en que non mereza a pena arrimar lume ás plantas infelices. Imaxinemos que os gobernos destinasen unha pequena fracción do que se gasta en extinguir frontes de chamas para investigar métodos de detección e apagado inmediato: aerostatos de vixilancia, avións non tripulados e bombas de gas sufocante lanzadas con precisión aos focos. Seica se correría o risco de asfixiar algún incendiario, mais en toda terapia hai danos colaterais.
En fin: ata aquí chegamos, señores, e cómpre unha viraxe de rumbo. Do contrario, manterase a sospeita de conivencia entre o poder e o negocio de apagar incendios.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 29/9/2013]

Share