Benxamín, a Enciclopedia (A voo de tecla, 01/09/2013)

Benxamín, mándoche esta nota porque logo do último consello de Galaxia quixen falar contigo, pero xa sabes que me prendo en todas as silveiras e, ao final, fórasteme para Lugo. Era polo da Enciclopedia Galega, ho. Non sei como anda a idea de converter ese esforzo teu nun produto ao xeito dos tempos: en formato dixital, presentado na web e con hiperligazóns multimediáticas.
Lembrando como nos guiabas no choio da Enciclopedia véxote mestre dos que saben escoitar, formar concepto e tomar decisión. Recórdote sempre co mesmo sorrir comprensivo, sen receo para atacares calquera cuestión, das técnicas ás Humanidades. Nada hai coma a curiosidade intelectual e o amor ás cousas poéticas (Galicia, por exemplo).
Para a semana temos o convite do teu colega Cuqui Silva en Chantada, para lle probar o viño da Ribeira. É pena que non poidas vir pois quería escoitarvos falar da PAC da UE, de montes e prados, da viticultura… Botarémoslle uns grolos á túa memoria.
¿Oíches? Retransmite a Ramón e Carlos o que che prometeu o Víctor: que Galaxia se vai espallar desde todos os enclaves da Diáspora. Seguro. Xa vos daremos conta en directo cando nos chegue o día.
E remato por hoxe. Puxen no Facebook unha foto dedicada a ti, dun castiñeiro de San Fiz de Lalín a medrar nun prado cheo de flores. Espero que che guste esa imaxe da Terra que tanto amaches.
Unha aperta e ata logo, meu admirado amigo.

Unha aperta e ata logo, meu admirado amigo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 1/9/2013]

Share