Lendo na praia (A voo de tecla, 28/08/2013)

A xente vai á praia por moitas razóns; unha delas, ler ao sol co agarimo da brisa mareira. Desde hai anos nótase unha clara tendencia nos areais: aos lectores de diarios e revistas únense os de libros, maiormente mulleres. Nos últimos veráns aumenta o número de lectores en aparellos electrónicos, tendencia que facilitan a oferta gratuíta de textos en formato dixital e máis a rebaixa dos prezos deles. Tamén axudan o abaratamento dos dispositivos electrónicos e a confluencia dos formatos de presentación, co “ePub” como obxectivo xeral.
Hai días ocupábase La Voz da dialéctica “papel versus dixital” cunha dobre entrevista a mozas asisadas de apelido Varela. Coincidindo co momento desa entrevista achábase de vacacións por terras ártabras unha persoa de visión privilexiada desde a súa atalaia: Toni Iturbe, o director da revista “Qué leer”. O seu criterio súmase ao común de Begoña e Diana Varela: o libro mantense nun período de convivencia de formatos que semella moito máis longo cós de transición no eido audiovisual (da fita magnética ao disco óptico e do clixé á memoria de estado sólido).
Ora, o proceso é imparable; o volume de lectura en soporte dixital vai seguir medrando. E un novo salto tecnolóxico podería aceleralo: a aparición de tabuletas coas mesmas prestacións que os ordenadores mais con pantalla de tinta electrónica de cores. Converteríanse nas raíñas da praia, para ler xornais, revistas e libros. Rematando o veraneo de 2013, fagamos “apostas electrónicas” para o de 2014.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/8/2013]

Share