“Cholo, Xerminal e Antón” (A voo de tecla, 20/08/2013)

Non hai moito Víctor Freixanes escribía en La Voz unha crónica de viaxe á Arxentina. Nela contaba a anécdota de cando Manuel Antonio (Cholo) Rei Flórez creu estar no extramundo por culpa da radio: no medio do deserto patagónico escoitou falar galego… e a seguir mapuche. Quen falaba era Xerminal Filgueiras, anarquista ferrolán convertido en protector de indíxenas nunha reserva do Chubut.
Pedía Víctor continuidade á anécdota, ou polo menos unha explicación. Naquela travesía polo deserto entre o Mar Austral e a cordilleira dos Andes, o Cholo levaba como obxectivo recoller no Neuquén un amigo, quen isto escribe e algo máis sabe: que nestes días de amable sol en Galicia e “nevazón” na Patagonia, están na Coruña o Cholo, coruñés de nación, e Antón Santamarina, que o é de crianza.
A ambos úneos a vivencia arxentina e o coñecemento de Xerminal Filgueiras, a quen trataron en etapas moi diferentes da súa vida de activista político-cultural. Antón é fundador das Mocidades Galeguistas, ás que viñeron pertencer tanto Xerminal como Xosé Neira Vilas. Cholo é o embaixador de Galicia na Patagonia, onde foi descubrir o Xerminal en funcións filantrópicas a favor dos indios.
Quizais sorprenda que un ferrolán se poida converter en cacique mapuche con emisora de radio, pero os galegos son así (Pepe Castedo, tamén de Ferrol, escribíalle discursos a Mao Zedong). Os irlandeses alardean da súa influencia no mundo, mais é por ignorancia filolóxica: coidan que os apelidos galegos son portugueses.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/8/2013]

Share