Filantropía contra a crise (A voo de tecla, 18/08/2013)

En 1930 nacía preto da universidade de Princeton o Instituto de Estudos Avanzados, que un dos seus directores, Robert Oppenheimer, cualificaría como “intellectual hotel”. Foi fundado polos donos duns grandes almacéns, os irmáns Bamberger, que tamén se distinguiran pola axuda a necesitados e perseguidos. O instituto comezou andamento en plena Depresión con 5 millóns de dólares, e recibiría outros 18 máis ata faleceren os fundadores, casualmente ambos en 1944. Hoxe continúa o seu labor cunha dotación de 650 millóns, que aseguran o seu futuro; e, por suposto, o do pensamento científico nos EE.UU.
A despedida inesperada de Rosalía Mera pódenos levar a remoermos unha vez máis nos distintos tipos de filantropía que se manifestan no mundo; ou, mellor dito, en distintas partes do mundo. Ninguén vai pór en dúbida que Rosalía foi unha filántropa, dedicada a facer medrar os seus negocios sen perder o norte de favorecer os seres humanos. Ora, a súa xenerosidade dirixiuse principalmente a suplir carencias; foi paliativa.
Hoxe, cando vemos que o Estado español teima en sacrificar a Ciencia para apagar lumes sociais, cómpre preguntarse como non aparecen manifestacións de filantropía de longa visión: salvar centros de investigación é a mellor aposta para dar paliado necesidades maiores, de traballo e saúde, no futuro. España non precisa dun instituto especulativo coma o que fundaron os comerciantes Bamberger. Ben lle abonda con algo máis terreal: laboratorios e centros de experimentación.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 18/8/2013]

Share