Verde marea dixital (A voo de tecla, 02/08/2013)

La Voz publicaba o pasado 18 de xuño unha noticia de peso no eido editorial: en Madrid un colectivo de profesores de ensino medio chamado Marea Verde produce textos en formato dixital e edición aberta, sempre disposta a incorporar modificacións.
Os gobernos trazan programas de materias e os alumnos han de aprender segundo eles. Da mesma maneira han ser avaliados. Ora, nada hai por escrito —con norma e regulamento— acerca dos “libros” nin dos soportes de exame.
Os libros de papel son caros e non permiten interactividade nin hiperligazóns, textuais ou multimediáticas. Para que un rapaz estude ben con eles, cómprelle ter á man o ordenador, a taboíña electrónica ou, polo menos, un teléfono móbil. Cando atopa un termo descoñecido, alá vai buscar na web…
No mesmo día 18 e nas oficinas do Campus do Mar reuníanse representantes das universidades galegas cun alto funcionario da Comisión Europea, para revisaren o proxecto mariño. O profesor Domingos Docampo asistía á xuntanza como apoio ás explicacións sobre un sistema “dixital” de transmisión de coñecemento que deixa minimizada a iniciativa da Marea Verde madrileña. Nun intre da presentación comentouse a noticia de La Voz e Docampo precisou: “Unha cousa é defender a propiedade intelectual e outra querer vivir dos dereitos de autor vendendo libros”.
É comprensible a inquietude da asociación de editores de libros do ensino. Mais pouco vai poder facer fronte á vontade dos ensinantes sen interese de lucro. Para certas mareas non valen diques.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 2/8/2013]

Share