A noite branca do Chisco

Francisco (Chisco) Fernández Naval escribiu un texto que poderiamos encaixar na clasificación de reportaxe novelado, de docudrama ou do que nos pete. Como for, sempre será un texto de necesaria lectura para quen le en galego, e para que poida ler en calquera outro idioma pois a Literatura está por cima das linguas: a cousa é traducir ben…
‘A noite branca’ conta vidas e mortes de personaxes que atopamos na calor continua da Habana e nos fríos horrendos de Rusia pasando polas amenidades climáticas do Miño á altura de Ourense.
O Chisco é un mestre da Literatura por dúas razóns: polo ben que redacta e polo ben que retrata. Sendo a narración o máis multimediático dos media, o estilo -capacidade de suxestión- dun autor de romances / reportaxes / crónicas ou todo por xunto pode mergullar o lector no ambiente en que fai pensar e sentir os personaxes. E iso é o que fai o Fernández Naval, non só coas figuras capitais da obra mais, tamén, coas aparentemente secundarias (para min o Mikhail circense é un acerto rotundo).
Fernández Naval está no mellor da vida dun romanciasta corredor de fondo, capaz de fiar obra de vulto. Quizais sexa, xunto co Queipo e o Riveiro Coello, unha das tres patas nas que se asenta a narración extensa dentro do corpus literario galego.
Recomendo a lectura de ‘A noite branca’ non só para os que nos criamos oíndo falar da División Azul e chagamos a ver no No-Do a chegada do ‘Semiramis’ cos restos dela. É obra para vellos e novos, para os que queiran saber por que somos como somos, por que vimos sendo de pais e avós afeitos a mataren. E de mais e avoas dispostas a choraren.
Lendo ‘A noite branca’, unha vez máis xorde o tema sobre o que hai ben anos se traballa na Universidade de Buenos Aires: a Historia ¿é só dos historiadores de carreira ou tamén dos novelistas que chegan ás fontes na procura de ficcións realistas?
A lata de marmelo con fotos e cartas do Chisco Naval tería sido un tesouro para arqueólogos da atrocidade que se chamou II Guerra Mundial. Pero foi un narrador brillante o que a atopou.
O dito: non deixen de lela.
Parabéns a autor e editor, Manuel Bragado.

Share