De volta nun tempo feliz

Hoxe estiven no Instituto Concepción Arenal de Ferrol, onde entrei a aprender a ler ben en 1954 e de onde saín bacharel en 1964.
A razón da visita, durante o recreo das 12, foi darlle á miña neta Irene un libro para unha profesora, e brevemente volvín a un tempo feliz.
Porque o noso, o das grandes miserias, o da España na que un ministro se atreveu a dicir que “a ningún español” se le puede negar el derecho de emigrar”, foi un tempo en que soubemos espremer a felicidade que escaseaba.
Entrar no meu “insti”, ver aquelas escaleiras de subida ás aulas e trasladarme á paisaxe de ‘A nosa cinza’ foi todo un. Nun instante xa estaba eu na aula de Literatura, con aquel catedrático que nos falabas das eroticidades de san Juan de la Cruz, ou co de Matemáticas, que disparaba anacos de xiz aos que se durmían mentres el integraba ou derivaba no encerado.
Mil veces me terán preguntado quen é quen dos personaxes de ‘A nosa cinza’; outras mil me terei rido dos que se atribuíran a si mesmos a condición de personaxes.
Non. Nesas “Memorias dun neno burgués” ninguén é exactamente persoa real con nome mudado. Son arquetipos os que circulan polos espazos reais do I.N.E.M. Concepción Arenal nun treito da Historia de España que vai entre a autarquía furibunda e o “dasarrollismo” da apertura…
Os rapaces que corrían e berraban diante de min hoxe son netos deses arquetipos, e deles poderían saír novos arquetipos de sesenta anos despois.
Non sei se a Irene andará a gardar na memoria o que lle dea para unha nova ‘A nosa cinza’. Quizais a música, o violín por máis detalle, sexa o que lle leve as mentes. Mais estou seguro de que no ano 2070 seguirá marcada polo que viviu, tan vivamente, no centro de formación que nos une…
Por certo, que vai saír a edición número 17 de ‘A nosa cinza’; e falo das legais, porque nunca saberemos cantas edicións ilegais houbo.
Moi agradecido, querido “insti” pola inspiración.

Share

4 Comments

  1. MS

    Por onde andarán os personaxes de “O larvisión” e “Tertúlia?
    Se a nova revisión ten o ton dalgunha das súas mensaxes no tuíter, que se vaian preparando algunhas almas rendidas!

Comments are closed.